S�guenos en TwitterS�guenos en Facebook

Resultados e galería de imaxes da mostra agrogandeira Expolugo 2018





Velaiquí un resumo de Expolugo 2018, que se celebra esta fin de semana en Lugo coincidindo coas festas do San Froilán


Coincidindo co San Froilán, o Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo acolle esta fin de semana a mostra agrogandeira Expolugo 2018, con 300 cabezas de gando e actividades complementarias como premios, mostras de artesanía, presentación de produtos e degustacións.


Como xa é tradicional, en Expolugo están representadas as principais razas autóctonas galegas, coa presenza das súas asociacións xestoras e mostra de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola mostran unha selección dos seus mellores exemplares, chegados de distintos puntos da provincia de Lugo.


As principais asociacións gandeiras de razas autóctonas de Galicia están presentes con animais vivos en Expolugo: ASOPORCEL (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta), OVICA e ASOVEGA (Ovella e Cabra galegas), AVIMÓS (Galiña de Mos), BOAGA (Vacas das razas Cachena,Vianesa, Limiá, Caldelá e Frieiresa ) e ACRUGA (Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega).


Outro dos puntos fortes é todos os anos o desfile de gando polas rúas do centro da cidade, que congrega numeroso público e levanta grande expectación.


As ganderías Castrocán, de Samos, e La Morena, de Friol, copan os premios no concurso de gando de Acruga


A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou esta sábado a cuarta edición do Concurso de Gando Memorial Luciano Sánchez, na que dúas ganderías, a de Castrocán, de Samos, e a da Morena, de Friol, coparon a gran maioría dos premios das cinco categorías coas que se distinguiron aos mellores exemplares de rubia galega, de entre os aproximadamente 80 presentados ao concurso.


Os xuíces principais, recentemente titulados na Escola de Xuíces de Acruga, foron os encargados de cualificar e valorar aos mellores animais e de outorgar os premios aos propietarios destas explotacións.


Na categoría de touros,a gandería de Samos, propiedade de Manuel López Quiroga, levou o primeiro premio, mentres que o segundo premio foi para a explotación da Morena, de Friol. Esta mesma gandería foi a que gañou o primeiro e o terceiro premio na categoría de mellor vaca, mentres que López Quiroga facíase co segundo posto.


O gandeiro de Samos tamén levou os premios do primeiro e terceiro posto de xovencas, e o primeiro de mellores xatos, mentres que a Gandería da Morena obtivo os segundos premios. O terceiro premio na categoría de xatos foi para a gandería Santalla, explotación do Corgo que tamén se fixo co primeiro posto en mellores crías. Nesta categoría Castrocán e A Morena, lograron o segundo e o terceiro premio, respectivamente.


Na categoría de mellor lote, dotado cun premio de 150 euros, venceu a gandería da Morena, de Friol. Varias autoridades, municipais, provinciais e autonómicas, coa alcaldesa de Lugo Lara Méndez, á fronte, foron as encargadas de facer a entrega de premios aos gandeiros gañadores así como aos 23 xuíces amateur, auxiliares e principais, que onte recollían os seus diplomas da Escola de Xuíces de Acruga.


Premios:


Mellor Touro:


1º Manuel López Quiroga, Gandería Castrocán, de Samos


2º Gandería La Morena, de Friol


Mellor Vaca:


1º La Morena


2º Castrocán


3º La Morena


Mellor Xovenca:


1º Gandería Castrocán, de Samos


2º Gandería La Morena, de Friol


3º Gandería Castrocán, de Samos


Mellor Xato:


1º Gandería Castrocán, de Samos


2º Gandería La Morena, de Friol


3º Gandería Santalla, de O Corgo


Mellor Cría:


1º Gandería Santalla


2º Gandería Castrocán


3º Gandería La Morena


Mellor Lote:


Gandería La Morena, de Friol


http://www.campogalego.com/carne/resultados-e-galeria-de-imaxes-da-mostra-agrogandeira-expolugo-2018/