S�guenos en TwitterS�guenos en Facebook

ABANCA e Acruga unen esforzos cun convenio para impulsar a viabilidade das explotacións gandeiras





O banco e a asociación asinan un texto de colaboración para mellorar a competitividade das pequenas explotacións e protexer a raza rubia galega.

Os asociados gozarán de mellores condicións na contratación de produtos da entidade financeira galega.

ABANCA e a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) veñen de asinar un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a viabilidade económica do primario galego.

O director de Acruga, César Dorado Pin, e o director territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez Álvarez, rubricaron hoxe en Lugo un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira coas explotacións gandeiras de Galicia.

O convenio facilita que os empresarios e emprendedores asociados accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Así, os asociados poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe o acceso a toda a oferta para o sector agro-gandeiro.

Do mesmo xeito, os asociados adheridos poderán acceder ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.

Acruga constituíuse no ano 1968 e agrupa os intereses dos gandeiros con explotacións de vacún de raza rubia galega. ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes. A entidade creou hai máis de dous anos a súa unidade especializada ABANCA Agro, centrada no sector primario e con respostas par este colectivo.