Casa de Chaos, unha explotación emblema para a Rubia Galega
A gandería de Manuel López Quiroga, en Castroncán (Samos), destaca pola calidade xenética das súas 120 cabezas e pola crianza
Gandería Casa de Chaos a explotación a bater. Cada vez que hai un concurso acapara boa parte dos premios. No último, celebrado o mes pasado en Adai (O Corgo), organizado por Acruga, gañou en cinco das sete categorías a concurso: sementais de máis de 26 meses, novillos de 14 a 26 meses, becerros de 8 a 14 meses, xovencas de 18 a 24 meses e vacas paridas.
Trátase dunha explotación familiar que atenden Manuel, o seu irmán Martín e a súa nai, Áurea. O seu pai, Manuel, está xa xubilado. Coidan con mimo das súas 120 cabezas, das que 70 son vacas nutrices. Na Casa de Chaos, ubicada na parroquia de Castroncán, no concello lugués de Samos, sempre houbo vacas de carne, unha rareza nesta zona onde predominan as explotacións de leite.
Son décadas de selección e mellora xenética que se nota na calidade do rabaño. Esa é para Manuel unha das claves. "Segredo non hai ningún, darlles de comer ben e tratar tamén ben aos animais e despois que a xenética sexa boa, porque un animal ruín come e come e non se lle nota", afirma.
"A xenética ten que ser boa, porque un animal ruín come e come e non se lle nota"
A alimentación abundante súmase á boa herdanza morfolóxica nesta gandería. A comida é practicamente a discreción, sobre todo o pasto para as vacas e o penso para a ceba dos becerros. A explotación conta con 55 hectáreas de terreo, todas elas dedicadas a pasteiros.
Dispoñer desta superficie permítelles vender tamén forraxe. "A nós sempre nos sobra e este inverno, no que houbo falta de silo e de herba seca en moitos sitios, veu moita xente a mercar", explica Manuel. Habitualmente aproveitan o primeiro corte de ensilado e venden o segundo corte para herba seca.
Ser excedentarios supón unha garantía para esta explotación mesmo en anos nos que mingua a produción de herba polas condicións climatolóxicas e fai que non estea sometida a vaivéns de prezos na compra de forraxes e poida manter practicamente estable o custo de alimentación do gando.
E permite tamén que as vacas teñan dispoñibilidade de pasto todo o ano. "Botámolas a pacer fóra todo o ano, menos algún día en xaneiro ou febreiro se hai moita invernía. Sempre teñen que pacer, mesmo en veráns secos e moitas veces nesta época non dan comido o pasto que hai e estragan máis ca comen, porque van a pradeiras con herba moi alta", recoñece.
Cada ano renovan unha parte das pradeiras, aínda que non sempre a mesma superficie. "Depende de como veña o ano, da climatoloxía. O ano pasado, que veu moi seco, tivemos que renovar máis de 10 hectáreas porque a seca queimou todo e logo non dá rebrotado, pero nun ano máis húmido, coma este, renovaremos só 2 ou 3 hectáreas", prevé Manuel. "Non temos problemas para o control das malas herbas, temos coidado para que non caia a semente e pasamos polas beiras unha desbrozadora de brazo co tractor", explica.
Engordan os becerros até os 11 meses
Os becerros maman até os 8 ou 9 meses. Non están na pradeira coas nais, senón estabulados, e maman cando as vacas se meten para que coman o silo e a herba seca. Unha vez destetados, os xatos son cebados con herba seca e penso. "Non llo pesamos, pero calculo que comerán uns 5 quilos por becerro ao día", indica Manuel.
O composto, a base de cereais como millo ou cebada, subminístrallelo Almacenes Chaos de Sarria. "É unha fórmula natural que fan eles, non é un penso composto convencional e iso nótase na calidade da carne, segundo dí o carniceiro que nos leva a maioría dos becerros", asegura Manuel.
"Temos un acordo cun carniceiro e un prezo fixo para todo o ano; é un sistema transparente para todos: gandeiro, carniceiro e consumidor"
A carne que el produce véndea a carnicería Pío de Samos. "O que non vai para vida vai todo para el, entorno a medio cento de becerros ao ano", explica. A maioría dos animais non se sacrifican até os 10 ou 11 meses e teñen un prezo fixo para todo o ano. "É unha garantía de subministro para o carniceiro e a nós permítenos ter a venda asegurada e iso fai que o prezo para todos, produtor, carniceiro e consumidor non sufra variacións", argumenta Manuel, que defende este sistema transparente.
Ao vender directamente ao carniceiro, o prezo non sofre merma aínda que os animais teñan 10 ou 11 meses. "Se non fora para un carniceiro non merecería a pena crialos até esa idade, porque comen máis e a baixada no prezo de venda por quilo é considerable", conta.
Alongar o período de ceba, sumado á boa xenética desta gandería e á alimentación que reciben os animais fai que o peso medio dos becerros que marchan a sacrificio estea entre 300 e 320 quilos. "O outro día mandamos un que pesou 400 quilos, sempre temos algún así no ano", conta Manuel. "Veu unha veterinaria nova para o matadoiro e ao principio non cría que puidesen ter esa idade até que veu aquí á explotación", lembra.
Noticia -
http://www.campogalego.com