A CENTRO DE RECRÍA DA GRANXA GAYOSO CASTRO ACOLLE MAÑÁ UNHA NOVA SUBASTA DE 28 NOVILLAS PREÑADAS DE ACRUGA
As poxas arrancarán cun prezo de saída de 1.950 euros, con axudas á compra de Caixa Rural de 200 euros por exemplar. Todos os exemplares contan cunha boa xenética e rondan os 25 meses de idade.
A subasta comezará ás 12.00 da mañá nas instalacións de Castro de Ribeiras de Lea, aínda que unha hora antes os interesados poderán retirar a tarxeta necesaria para poxar
Lugo. 30/11/2021
A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (ACRUGA) celebra mañá, desde as 12.00 horas, unha nova subasta de 28 novillas preñadas no centro de recría da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, que conta coa colaboracion da Deputación de Lugo. Unha hora antes, todos os gandeiros e gandeiras que desexen poxar por algún destes exemplares poderán retirar a tarxeta necesaria para participar na subasta. Todos os exemplares proceden do rabaño seleccionado no centro de recría, grazas ao traballo de mellora da raza que realizan neste centro a Deputación de Lugo e a propia Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega.
As poxas arrancarán cun prezo de saída de 1.950 euros, con axudas á compra de Caixa Rural Galega de 200 euros por exemplar. Todos estes animais contan cunha boa xenética e rondan os 25 meses de idade, aínda que hai exemplares de 21 ata os 40 meses. Todas as novillas están preñadas de entre cinco e oito meses.
Acruga volve a celebrar unha subasta apenas unhas semanas despois da realizada en Adai, no municipio do Corgo, na que todas as novillas deste centro de recría se venderon superando por moito os prezos de saída. De feito, os 22 exemplares procedentes deste centro alcanzaron un prezo medio de 2.300 euros, e un dos animais subiu a súa cotización ata os 3.650 euros.
Desde Acruga o seu presidente César Dorado sinalaba que, dados os resultados de Adai, desde a asociación temos a obriga de poñer a disposición dos gandeiros máis exemplares e satisfacer a demanda existiente.
Na pasada edición desta subasta no centro de Recría da Graxa Gayoso Castro, adxudicáronse 22 animais, que obtiveron un prezo de saída de 2.011 euros.
Os exemplares da poxa de mañá forman parte do rabaño de elite criado neste centro, grazas á estreita colaboración de Acruga coa Deputación de Lugo. Ambas partes asinaron un convenio no ano 2007 co obxectivo común de recuperar e mellorar a xenética e facilitar a promoción e a expansión da raza, cubrindo a demanda de gandeiros de rubia e tamén a de novos criadores que apostan pola súa incorporación a esta raza.
Charla Informativa
A actividade de Acruga na granxa Gayoso Castro non rematará coa poxa de mañá. Responsables e técnicos desta asociación estarán de novo nas instalacións deste centro de recría o vindeiro venres, día 3, para a partir das 12.00 da mañá ofrecer unha charla informativa aberta a todos os gandeiros e gandeiras do sector cárnico. O obxectivo é informar aos interesados da actividade, vantaxes, proxectos e datos da Asociación de Criadores de Rubia Gallega. A charla, que tamén conta coa colaboración da Deputación de Lugo, terá lugar no aulario da nave de prácticas da granxa experimental deste centro de recría.