Síguenos en TwitterSíguenos en Facebook

ACRUGA LEVA 18 RESES Á POXA DE MACHOS E FEMIAS DE ADAI QUE SE CELEBRA ESTE VENRES



A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega presentará oito xatas preñadas da Granxa Gayoso Castro e seis femias e catro machos de sete ganderías, todos cunha axuda de Caixa Rural para os compradores de 200 euros para as femias e 300 para os machos

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (ACRUGA) continúa coa súa labor de promoción da raza e de resposta ante a demanda de exemplares de rubia, obxectivos que se cumprirán mañá venres, día 6 de novembro, coa celebración da poxa de femias e machos no campo da feira de Adai, no Concello do Corgo. Acruga agarda unha boa participación e unha elevada cotización. A organización destaca esta cita no calendario como unha das poucas que se puido manter tras a pandemia. A poxa comenzará a partir das 12,00 horas e as persoas que participen poderán retirar as súas tarxetas minutos antes do inicio.

Acruga presentará na feira de mañá oito xatas preñadas, de idades comprendidas entre os 25 e os 30 meses e do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, e seis novillas e catro machos procedentes de sete ganderías dos concellos de Samos, Pantón, Lugo e O Corgo. O prezo de saída para os exemplares da Granxa Gayoso Castro, froito dunha colaboración entre Acruga e a Deputación de Lugo, será de 1.900 euros. Por outra banda, os gandeiros e gandeiras establecerán a cantidade na que arrinca a poxa para os seus exemplares. As femias contan cunha axuda aportada por Caixa Rural para a súa adquisición de 200 euros por cada unha e de 300 no caso dos machos.

O presidente de Acruga, César Dorado, salientou estas achegas de Caixa Rural nun contexto no que se viron restrinxidas as oportunidades de compra. "A única poxa de Acruga que facemos é no Corgo porque as outras non se puideron levar a cabo por motivo do covid-19", explicou Dorado, en referencia a unha axenda alterada este ano por mor da pandemia. De feito, a tradicional feira de Adai a comezos do verán tivo que ser adiada a agosto. Dorado enxalzou a cita de mañá ao ser unha feira con "moita aceptación, dado que concorren moitos compradores e se vende moi ben".

Rabaño de elite
Oito dos dezaoito exemplares que irán mañá venres á poxa de Adai son parte do rabaño de elite da granxa Gayoso Castro, que funciona grazas á estreita colaboración de Acruga coa Deputación de Lugo dende a sinatura dun convenio no ano 2007 co obxectivo común de recuperar e mellorar a xenética e facilitar a promoción e a expansión da raza, cubrindo a demanda de gandeiros de Rubia Gallega e tamén a de novos criadores que apostan pola súa incorporación a esta raza.

Segundo explicou Dorado, é unha vantaxe adquirir en Adai xatas deste centro de recría porque "xa están seleccionadas a través dun proceso xenético, proceden de reprodutores con bos índices xenéticos". Polas boas cualidades das reses, dende Acruga agardan unha boa participación e boas cotizacións. Na última poxa na Granxa Gayoso Castro en outubro, adquiríronse 22 reses a un prezo medio de 2,011 euros. A maior cotización entón foi para un exemplar de 25 meses, vendido en 2,350 euros. Na última poxa de Acruga en Adai en agosto, o prezo medio foi de 2.300 euros.
Á feira de Adai de mañá está prevista a asistencia da xefa territorial da Consellería de Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias, así como a do deputado de Recursos Sostibles e responsable do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, Roberto Fernández.